3.1 LENDAS DE MOUROS

3.1. Mouros

Mouros encantados.

Os mouros viven aínda debaixo do castro.
O castro é obra de mouros que aínda non hai moito tempo saían ó exterior, pero ó veren xente agachábanse rapidamente debaixo da terra
Dentro do recinto do castro hai tanto viño que, se algún día chegase a estalar o depósito, asolagaría todo o lugar de Vilacaiz.
Ó traballar as terras co arado, a xente non pode afondar moito porque as casas dos mouros están debaixo e tropezan as ferramentas nos tellados; por iso alguna vez bérranlles:
"Ai home, cerra o arado, non ares tan fondo que me destellas a casa ! "


Lendas de mouras

Lenda da Medorra de Barrela

Un señor chamado O Eirexe Vello pasou unha tarde, a cabalo, polo camiño que vai arredor do castro e apareceulle unha muller coa que trabou curto diálogo. A muller era unha moura e deulle uns cravos para as ferraduras dos cabalos, encargándolle que gardase os regalos ata chegar á casa; mais, movido pola curiosidade, quixo coñecer o que lle regalaran e ó velo tirou todo, pero quedaron nos pregues do bolso uns anacos de carbón que ó chegar á casa se transformaran en ouro. O señor Eirexe volveu ó sitio onde o tirara, pero xa non atopou nada. Polo que perdera unha colosal riqueza, a mellor fortuna de entón.



Tesouros e riquezas ocultas

Haberes de “ O Castro”

Na Porta do Mouro hai moito haber e del sabían o meu avó e outros individuos que dunha vez foron desencantar levando consigo un crego e mais un “Ciprianillo”.
Chegados ó sitio riscaron un circo no chan cunha cruz no medio e metéronse dentro, e despois o crego fixo no aire unha cruz en cada vento e desconxurou polo libro. E non ben rematou de desconxurar veu do penedo unha grande voz que dixo:
-De que forma queredes que saia?
Un dos presentes, que acababa de chegar do servicio, contestou:
-Saia en forma de militar
E apareceu un soldado grandísimo, tan grande que a cabeza pasaba por riba dos cotos máis altos.
-Que queredes de min? , preguntou.
-Queremos que nos dea da sua riqueza, dixo un
-Se queredes diñeiro ide por el ás casas do rei, que o que teño é meu e non volo dou.
Ó fin, e a poder de moito porfiar, convencérono de que lles dera algo, mais puxo de condición que lle habían de traer un año, branco de todo e sen lixo ningún.
E como eles andaran a rifar sobre quen tiña que ir ó pobo polo año oíuse un trono que fixo tremer a terra, escureceuse a luz e desapareceu o xigante.