3.3 CIDADES ASULAGADAS

3.3 Cidades asulagadas

A cidade asulagada de Boedo

En O Boedo había unha cidade. Por ela pasou un día a Sagrada Familia pedindo comida, e non lle quixeron dar. Mesmo un zapateiro guindoulle a súa forma a Xesucristo. Chegaron a unha casa pobre onde os nenos estaban trala lareira chorando de fame. A muller da casa quixo atender a Xesucristo e a Virxe; deulles posada, pero non tiña outra cousa que darlles. A Virxe díxolle:

-Faga unha torta coa cinza; e a muller resistiuse ao principio dicindo que non podía ser, porque non ligaba nin formaba masa; pero ó fin, fixoo.
A Virxe entón dixo: -Próbea señora; é tan certo que é torta cocida e de trigo, como que a cidade de Boedo está asulagada; por culpa dun malo, Deus destrúe unha cidade. Dise que dende entón se escoitan campás e un ruído que foi desconxurado por un cura; pero aínda hai un sitio ó que lle chaman “O pozo da Campá”.