3.6 LOBOS E LOBISHOMES

3.6 Lobos e lobishomes

Lenda do lobo do Cruceiro da Gándara

No lugar de Cerqueiras da parroquia de Santa Cristina de Vea, concello da Estrada, e de frente da capela da Gándara, dedicada á Virxe de Aránzazu, tópase un cruceiro barroco de boa arte popular. Ten no varal de sección poligonal a figura dun frade francisco con palma na man dereita que ben puidera ser San Antón aínda que sen neno ; na cruz presenta a Cristo encravado, por unha banda, e pola outra a Virxe triunfante, cos brazos abertos como no pasamento da Ascensión , con anxos todo ó redor.
No basamento ten este epígrafe:
JUAN DE PORTO Y CATALINA DE RIBEIRA SU MUGER PAGARON ETA OBRA AÑO 1742
Nunha das faces do varal esta outra bastante comesta xa polo tempo:
ANTE ES/TE CRUCE/RO .... VN/.... SALVE/ .... APEDIMI º / DE QUIEN / LO MANDÓ / HACER AÑO/ DE 1747
Os veciños do lugar Francisco Barcala Sinde e Xosé Barcala, duns corenta e cinco anos, contarónnos a lenda do erguemento do cruceiro manifestando que, cando o lugar de Cerqueiras era todo unha carballeda, había moitos lobos nel e certo día leváronse as feras unha meniña, filla dos Xan do porto e Catalina de Ribeira que figuran na inscricióndo cruceiro. Buscaron os pais á nena inzados de dor sen topala por ningures. Acudiron entonces á Virxe que na capela recibe homenaxe e pregaron aceamente. Cando voltaron a buscar deron coa nena viva e sa acariñando un lobo morto que á beira tiña. Os pais agradecidos fixeron erguer o cruceiro que aí está.